A Feira
Galicia Escena PRO cumpre 10 edicións. O encontro das artes escénicas, que cada ano promovemos para poñer en relación todo o sector e dinamizar o mercado interior e exterior dos espectáculos producidos no país, chega ao seu décimo aniversario. E faino cun aplauso como xesto de celebración colectiva. Con el festexamos unha década de escaparate da creatividade dos nosos profesionais, recoñecemos o compromiso dos xestores culturais e agradecemos a complicidade de cantos contribuíron a chegar ata aquí.
Esta é a nosa imaxe de presentación para #GEP23, que volve á súa cita coa finalidade de brindar un espazo e un tempo para apelar a ese factor humano tan importante en toda dinámica comercial e, en definitiva, para impulsar a máxima proxección social da creación escénica galega.
Saímos así á chamada de todas as persoas mediadoras e do público xeral cunha gráfica e plataforma web renovadas, pero co mesmo mandato de servizo a prol do teatro, a danza, o circo, a maxia... do selo galego nos escenarios. Para isto, desde a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia traballamos conxuntamente coa asociación profesional Escena Galega, dándolle deste xeito continuidade á estrutura organizativa dos últimos anos. Considerámola unha dinámica moi positiva, que suma esforzos desde o ámbito público co privado e que implica tamén os responsables dos espazos de exhibición que ocupamos durante os días do evento en Santiago de Compostela.
Galicia Escena PRO 2023 segue, ademais, a súa alianza de intercambio con MADferia e forma parte da coordinadora estatal COFAE.