A metamorfose
Sarabela Teatro
Que pasa cando lle quitamos a categoría de humano a un ser humano? Se non son seres humanos, que son? Bechos, insectos? Que pasa cando deixamos de ser útiles para a sociedade? A metamorfose amosa a necesidade de ser valorados polo que somos, non polo que producimos. É a historia dun home só, esmagado pola iniquidade dos outros.
Carlos Álvarez Ossorio dirixe e adapta este texto cun elenco formado por Fernando Dacosta, Elena Seijo, Fernando González, Sabela Gago e Fina Calleja, e cun equipo no que Baltasar Patiño está a cargo da iluminación, Nuria Sotelo do movemento escénico, Ruth D. Pereira do vestiario e Vadzim Yuknevich do campo sonoro. Todos, na procura dunha experiencia teatral única.
Espectáculo subvencionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais